Friday 17 de May de 2024

A Xunta investirá preto de 170M€ para atender as necesidades dos galegos no eido da Xustiza trala pandemia


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, interviu na entrega do XX Premio Iurisgama a Xesús Palmou, membro da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación e o Premio Montero Ríos ao catedrático emérito de Dereito Romano da Universidade de Vigo, Luis Rodríguez Ennes

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na XX edición dos Premios Iurisgama e Premio Montero Ríos outorgados pola Asociación de Xuristas Galegos en Madrid a Xesús Palmou, membro da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, e ao catedrático emérito de Dereito Romano da Universidade de Vigo, Luis Rodríguez Ennes respectivamente.

Na súa intervención destacou as medidas adoptadas pola Xunta para reforzar a Administración da Xustiza que continuarán en 2022 cun orzamento previsto de case 170 millóns de euros para atender as necesidades da cidadanía neste eido trala pandemia.

Nesta liña, incidiu na aposta por reforzar os xulgados e no marco da creación de unidades xudiciais correspondentes á programación de 2021, lembrou que en marzo do próximo ano botará andar un novo xulgado do Mercantil na Coruña e 2 prazas de maxistrado, unha na sección Primeira da Audiencia Provincial de Ourense e outra na mesma sección da Audiencia de Lugo. Tamén lembrou que o Plan de Infraestruturas Xudiciais posto en marcha en 2009 culmina coa inauguración da Cidade da Xustiza de Vigo na que a Xunta investiu 42 millóns de euros.